Tuesday 14 de May de 2024

Trenor anima aos coruñeses a aproveitar o Bono Cultura da Xunta que contará cun millón de euros para beneficiar a 20.000 persoas


— Resalta que o obxectivo desta medida que esgotou todos os vales é “botar unha man” ao sector e aos consumidores neste difícil contexto económico de subida de prezos

— A iniciativa facilitará a participación do maior número de entidades posible, mellorando algúns requisitos e ampliando o teito de gasto que poden alcanzar

— A Administración autonómica esgotou tamén nos primeiros días o Bono Comercio que destina 5M€ a este programa co que se prevé mobilizar 17 millóns de euros en vendas

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá a libraría Gallardo para animar aos coruñeses a aproveitar os bonos da campaña do Bono Cultura da Xunta, medida que esgotou xa todos os vales e que se pode empregar desde hoxe ata o 31 de decembro. Na comarca do Barbanza están adheridos, a día de hoxe, 16 establecementos do total de 158 inscritos na provincia da Coruña.

O programa contempla descontos do 50 % na compra de produtos ou na utilización de servizos culturais, para o que se emitirán 20.000 bonos. O ano pasado a iniciativa conseguiu animar a actividade cultural do outono galego, cun balance final dun total de 68.562 operacións, a mobilización de máis de 2M € ao longo de dous meses en marcha e a participación de 560 negocios culturais adheridos.

Nova edición
A nova edición amplía os seus obxectivos buscando, por un lado, incentivar a demanda cultural e dinamizar o consumo así como favorecer o fortalecemento do sector axudándoo a reducir o impacto económico marcado polo actual contexto económico de suba de prezos.

“Se na primeira edición o obxectivo foi volver a reactivar o consumo nos comercios de proximidade tras a pandemia, agora cómpre botar unha man ao sector e os consumidores nesta nova crise de suba de prezos”, indicou Trenor

O delegado da Xunta recalcou que este bono é unha medida “para todos os galegos, teñan a idade que teñan fronte ao que fan outras Administracións que lanzan medidas dirixidas a colectivos moi específicos”.

Empresas
O Bono Cultura botou coa adhesión das empresas que teñen ata o 14 de novembro para apuntarse para participar nesta campaña.

A adhesión activarase nese momento a través da páxina web www.bonocultura.gal. Poderán formar parte as persoas físicas ou xurídicas que teñan como obxecto da súa actividade o de venda ao consumidor de produtos e bens culturais en Galicia, os centros ou locais públicos ou privados destinados á exhibición de produción cultural como salas de cine, teatros e auditorios, salas de concertos, salas de exposicións…, así como museos casas-museo ou asimilados tanto de titularidade pública como privada e asociacións, entidades e fundacións de carácter cultural, tanto públicas como privadas, que ofrezan produtos culturais.

Deberán estar dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do imposto sobre actividades económicas (IAE) recollidos na orde da convocatoria que se publicou o venres no DOG. Como novidade, este ano amplíase o número de epígrafes e tamén o teito de gasto que cada establecemento pode ter ao abeiro desta campaña, ata os 30.000 euros.

Beneficiarios
Desde hoxe, os usuarios tamén poden solicitar os bonos e comezar a gozar dos descontos ata o 31 de decembro. Poderá facerse co bono calquera persoa maior de idade que teña a súa residencia en Galicia e a descarga estará activa a partir desa data a través da web www.bonocultura.gal, onde se emitirá en formato dixital a través dun código QR.

O orzamento total do Bono Cultura 2022 é de 1M € coa intención de mobilizar 2M € e que se beneficien 20.000 persoas. Os bonos terán un valor de 50 € por usuario para gastar nos distintos establecementos que se adhiran.

As compras terán un desconto do 50 % ata esgotar o crédito. Os produtos e servizos que se poderán adquirir non varían con respecto á edición anterior: a compra de música gravada en CD ou vinilo, películas ou series en formato físico, libros ou videoxogos e calquera tipo de institución cultural (museo, casa-museo…), salas de cine, concertos de música e espectáculos escénicos, entre outras.

Bono Comercio

Durante a visita Trenor lembrou que o Bono Activa Comercio da Xunta esgotouse en tan só tres días, con máis de 166.000 descargas de cidadáns que contan xa co seu desconto de 30 euros para empregar no comercio de proximidade. A Xunta destina 5 millóns de euros co obxectivo de mobilizar 17 millóns de euros en vendas.

Os beneficiarios teñen agora ata o 31 de decembro para empregar os descontos nos establecementos adheridos, que son xa preto de 5.600 e que poden seguir sumándose ata o próximo 30 de novembro. A Coruña é a provincia con máis tendas inscritas ata a data, cun total de 2.109 negocios.

A principal novidade deste ano é a ampliación de tramos de desconto e os importes. Así, o desconto é de 5 euros para compras a partir de 20 euros e inferiores a 30 euros; 10 euros para compras desde 30 euros e inferiores a 50; e de 15 euros se superan os 50 euros de compra.

Ata o de agora, coa segunda edición do Bono Activa Comercio xa se mobilizaron vendas por 2,5 millóns de euros, tal e como apuntou o delegado da Xunta, que lembrou que esta iniciativa busca impulsar as compras no comercio de proximidade, atraendo clientela aos establecementos locais. Ao mesmo tempo, contribúese a aliviar o impacto da inflación na capacidade de gasto dos fogares galegos.